Trátase dunha acción de notoriedade que complementa a campaña de publicidade desenvolvida en Londres nos últimos meses para a promocionar os destinos A Coruña-Rías Altas e Vigo-Rías Baixas Esta acción promocional do Turismo galego iniciarase mañá luns e permanecerá activa ata o día 3 de febreiro, nun contorno comercial polo que pasan diariamente arredor de 42.000 persoas Andalucía, Euskadi e agora Galicia son os únicos territorios de España que utilizaron este medio para a súa promoción turística en Londres Santiago, 15 de decembro de 2012.- A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Londres, inicia mañá luns nos grandes almacéns Harrods de Londres, unha campaña de promoción do destino turístico Galicia, como continuación das accións levadas a cabo na capital británica ao longo dos últimos meses para a promoción da Coruña-Rías Altas e Vigo-Rías Baixas, unidas con voos directos coa primeira cidade de Gran Bretaña. Esta acción de mercadotecnia dividirase en dúas partes. A primeira comeza mañá e estenderase ata o vindeiro día 10 de xaneiro de 2013 e inclúe a instalación de catro escaparates con imaxes da Coruña-Rías Altas e Vigo-Rías Baixas integradas con moda de Harrods e outros elementos iconográficos galegos. Estes escaparates atópanse fronte a rúa Hans Crescent e sitúanse nas portas 5 e 6, polas que pasan 526.717 consumidores ao mes. A partir do día 7 de xaneiro, comezará a segunda fase da campaña, a máis numerosa en actividades de promoción, que se estenderá ata o día 3 de febreiro. Nesta segunda fase incluirase a instalación de elementos gráficos para promocionar Galicia a través da Coruña-Rías Altas e Vigo-Rías Baixas, tamén nos escaparates que se sitúan fronte á Brompton Road, coincidindo coa época de rebaixas, a máis activa nos grandes almacéns Harrods. Outras accións de promoción Ademais dos escaparates, no interior de Harrods, emitiranse imaxes de Galicia, centradas na Coruña- Rías Altas e Vigo-Rías Baixas, cada 10 minutos e a través de montaxes de cinco segundos nun total de 73 pantallas, algunhas de gran tamaño situadas nas portas 3,5 e 10, e nas "escaleiras exipcias”, que son as zonas de más tránsito de clientes. Outras pantallas atópanse no exterior do edificio, en Basil Street, Has Crescent e Brompton Road. Tamén se cubriran con vinilos da campaña o ascensor central da segunda planta e o da planta baixa, que son tamén zonas moi transitadas polos visitantes. Catálogo de Harrods Outra das accións incluídas nesta campaña é a inserción do logo da marca do Turismo de Galicia e catro fotografías que inclúen A Coruña-Rías Altas, Vigo-Rías Baixas e Santiago de Compostela, na portada e no interior do catálogo mensual de Harrods do que se editan 120.000 exemplares e moitas veces se garda como recordo . Por otra parte, durante o tempo de campaña, cada ticket de caixa destes grandes almacéns levará unha foto da Torre de Hércules. Emítense un millón de tickets ao mes, pero tratándose da tempada de rebaixas, a cantidade increméntase notablemente. Autobuses de Harrods tourmaster Ademais, a imaxe das galerías da Avenida da Mariña da Coruña irá impresa na parte central dos autobuses que Harrods empregará para anunciar a campaña na cidade de Londres. Dentro desta campaña, tamén está previsto publicar unha páxina de publicidade na revista dos grandes almacéns. Presentación do destino e cata de viños Está previsto que o día 23 de xaneiro se celebre un acto ao que se convidará a 150 persoas entre operadores turísticos, xornalistas e blogueiros para presentar o destino Galicia a través da Coruña-Rías Altas e Vigo-Rías Baixas e o formato que se empregará será unha cata de viños da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas. Por último está previsto que se celebre un concurso entre os clientes de Harrods que consistirá nunha estancia de catro días en Galicia –dous días na Coruña Rías-Altas e outros dous en Vigo-Rías Baixas-. Este concurso publicitarase mediante anuncios en nas pantallas dos grandes almacéns e a través dun display que estará dispoñible nas zonas das caixas rexistradoras. Acción de promoción marca Galicia Esta campaña supón unha acción de promoción da marca Galicia, xa que ademais da repercusión que terá o desenvolvemento de todas as accións de promoción nun lugar como os grandes almacéns Harrods, a vinculación destes coa marca Galicia supón unha posta en valor do destino ante o público británico en xeral e ante os clientes destas tendas en particular, que pertencen a un segmento de cliente de alto poder adquisitivo. Hai que ter en conta que Harrods é un dos lugares de Londres máis visitados polos turistas, polo que con esta acción de mercadotecnia tamén se chegará a outro público internacional. Trátase, en definitiva, dunha campaña destinada a prestixiar a marca turística de Galicia empregando fórmulas de branding turístico.
|